2 Marzo, 2022 EOSA Consultores

Galicia acolle mañá o cume internacional do ecosistema biotech

Durante o evento, a Incubadora de Alta Tecnoloxía, BioIncubatech, presentará o seu informe de resultados e fará un repaso aos fitos alcanzados polo propio proxecto e as empresas incubadas.

Mañá, 3 de marzo, terá lugar o evento BioGalicia Summit, o encontro internacional biotech que contará con firmas galegas de referencia na biotecnoloxía como Zendal, no ámbito da saúde, ou Estrela Galicia, no sector agroalimentario. O evento desenvólvese dentro das actividades do proxecto BioIncubaTech, a Incubadora de Alta Tecnoloxía promovida pola USC, a Cámara de comercio de Santiago de Compostela e UNINOVA, e financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través da Fundación INCYDE das Cámaras de Comercio españolas.

Durante a xornada realizaranse relatorios e mesas redondas onde participarán tamén entidades que apostan pola dixitalización no campo e o laboratorio, como DATAlife, Galacteum, AMSlab e Gradiant, ou compañías que abordarán as tendencias na aplicación da biotecnoloxía no ámbito agroalimentario, como Archer Daniels Midland (ADM), ou da saúde, como Merck KGaA.

A cita, de carácter gratuíto e en aberto, recibirá ademais ás sociedades de capital risco Semola Tech Ventures, Unirisco, CRB Inverbio e UCB ventures, que analizarán os medios e ferramentas máis eficaces para a captación de financiamento privado, para dar paso a Gabriela Díaz Figuls, do Ministerio de Facenda e Función Pública do Goberno de España que, acompañada por Santiago Álvarez en representación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da Xunta de Galicia, dará a coñecer en detalle os fondos Next Generation aplicados ao ámbito das ciencias da saúde e a agroalimentación e o papel das pemes no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia impulsado polo Executivo central.

Para o peche da xornada, Jose María Blasco de ICEX, Judith Padrós de Monx e Jon Mowles do Departamento de Comercio Internacional de Reino Unido abordarán as oportunidades de internacionalización do sector biotecnológico.

Ademais do evento central, desde hoxe ata o venres, 4 de marzo, BioGalicia Summit acolle encontros de networking que poñerán en contacto aos actores do ecosistema da biotecnoloxía. Os asistentes poderán concertar reunións one to one que servirán para canalizar a investigación cara ao mercado e as empresas, explorar novas oportunidades de colaboración entre compañías, e abrir nichos de mercado desenvolvendo conxuntamente iniciativas innovadoras.

A inauguración correrá a cargo da director da área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, e responsable de BioIncubaTech, José Luis Villaverde, que dará paso a representantes de Bioga, Axencia Galega de Innovación, Incyde, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez e o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, D. Antonio López Díaz. Durante o acto, o director do AVTE presentará ademais os resultados e fitos alcanzados desde o comendo do proxecto, a finais de 2019.

Ao longo destes meses, BioIncubaTech acolleu a un total de 43 proxectos vinculados ao ámbito saúde e agroalimentación, desenvolvéronse máis de 90 actividades apoio, moitas delas en aberto, que impactaron directamente en máis de 290 empresas do tecido empresarial galego. Nas súas actividades destaca o enfoque cara á mellora da comunicación e mercadotecnia, a procura de financiamento, o asesoramento no desenvolvemento de negocio e a internacionalización ou a protección industrial, entre outros, contando coa participación de relatoras de referencia e persoal experto no sector biotecnolóxico.

Entre os proxectos acollidos, destacan os premiados Celtarys Research, Keybiological, Arnigal Cultivos, BFlow, ou TasteLab seleccionada pola revista Emprendedores como empresa de valor e innovadora no sector agroalimentario. Tamén atopamos recoñecidas científicas da talla de María José Alonso, que lidera o proxecto LiberaBio, ou María de la Fuente, doutora en Farmacia e CEO de DIVERSA,  José Tubio, promotor da incubada Genome4Care e actual Premio Nacional de Investigación en Cancro, e científicos na elite internacional como Álvaro Goyanes, que figura por terceiro ano consecutivo na lista dos investigadores máis influentes do mundo elaborada por Web of Science.

 

BioInvestorsDay: a aposta polo investimento biotecnolóxico

En paralelo ás actividades de BioGalicia Summit, o 3 de marzo de 12:00 a 14.00, terá lugar BioInvestorsDay: un punto de encontro privado que servirá para que as empresas biotecnolóxicas incubadas presenten os seus proxectos a diversos e destacados axentes da comunidade investidora con interese en colaborar no desenvolvemento de proxectos empresariais de impacto. Durante a xornada, desenvolverase unha mesa redonda na que se dará a oportunidade de escoitar opinións de varios expertos no sector sobre as megatendencias de investimento en biotecnoloxías do sector saúde e alimentarias, onde asistirán entidades a nivel rexional como XesGalicia e Noso Capital, e con carácter nacional Caixa Capital Risc, Ship2B Ventures, Clave ou Kaudal.

 

BioIncubaTech

BioIncubaTech, incubadora de Alta Tecnoloxía para o fomento da innovación e transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias, é un proxecto liderado pola área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, xunto coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e UNINOVA, e financiado polo Fondo Europeo FEDER e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación, é unha das iniciativas que está incluída dentro da Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía que a Xunta de Galicia puxo en marcha para o período 2021-2025.

Este centro forma parte da Rede de 17 Incubadoras de Alta Tecnoloxía (IAT) que a Fundación INCYDE está a promover en España co obxectivo de incorporar a I+D+i e a tecnoloxía ás micropemes. Este proxecto está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional – FEDER dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020. UNHA MANEIRA DE FACER EUROPA