5 mayo, 2021 EOSA Consultores

A Xunta apoia o desenvolvemento comercial de Arnigal Cultivos, empresa pioneira en Galicia na plantación de árnica

  • Os compostos bioactivos presentes nos extractos de árnica poden empregase en procesos reumáticos e na recuperación de lesións deportivas
  • A compañía forma parte do grupo de empresas impulsadas por BioIncubaTech, a incubadora de alta tecnoloxía promovida pola Universidade de Santiago de Compostela co financiamento da Fundación Incyde e da Xunta

A Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, impulsa o desenvolvemento comercial de Arnigal Cultivos, empresa de basetecnolóxica e pioneira en Galicia no cultivo e na extracción de árnica para aplicacións cosméticas e medicinais. A firma, fundada en Galicia a comezos do 2020, está impulsada por catro persoas licenciadas en Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela (USC).

“Buscamos clientes interesados nos nosos extractos de árnica con gran utilidade antiinflamatoria en formulacións cosméticas e fitoterapéuticas. Neste sentido, dirixímonos a empresas que busquen un produto natural e coa calidade da árnica autóctona de Galicia”, destaca José Rodríguez Couceiro, cofundador e administrador  de Arnigal Cultivos. Os compostos bioactivos presentes nestes extractos garanten a súa funcionalidade en diferentes aplicacións cosméticas e dermatolóxicas. Neste sentido, a planta de árnica pode empregarse en xeles ou cremas para o tratamento de procesos reumáticos e tamén para a recuperación de lesións deportivas.

Por outra parte, a empresa mantén unha actividade investigadora permanente, tanto na optimización dos seus procesos como no desenvolvemento de produtos baixo unha perspectiva de respecto ao medio ambiente. Cómpre destacar que a árnica galega, pertencente á variedade atlántica, ten unha composición química con propiedades máis vantaxosas que a cultivada no resto de Europa; o que se traduce en produce menos alerxias.

 

Sobre BioIncubaTech

A incubadora de alta tecnoloxía BioIncubaTech, promovida pola Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración con Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago, co financiamento da Fundación Incyde e da Xunta de Galicia, púxose en marcha no ano 2019. Desde entón constituíronse un total de 12 empresas.

Nestes intres está en marcha a segunda convocatoria do programa, da que forman parte un total de 21 proxectos. Deles, 12 pertencen ao sector da saúde e, entre outros, propoñen tratamentos innovadores para enfermidades como a cardiopatía, a dor crónica ou lesións na médula espiñal.

Outras propostas poñen enriba da mesa solucións relacionadas coa covid-19 ou dispositivos para diferenciar enfermidades bacterianas doutras de carácter vírico. Ademais, na segunda convocatoria de BioIncubaTech hai 9 proxectos relacionados coa agroalimentación, incluíndo neste caso solucións para dinamizar o sector, como melloras na xestión das explotacións gandeiras ou detectores de contaminación na industria alimentaria.