10 marzo, 2021 EOSA Consultores

A Xunta apoia a creación de Celtarys Research, Spin-Off da USC que desenvolve ferramentas fluorescentes para acelerar o descubrimento de fármacos

  • O equipo promotor validou esta tecnoloxía no marco do proxecto Fluorotools, dentro do programa Ignicia que desenvolve a Administración autonómica en colaboración coa Fundación Barrié
  • A compañía tamén forma parte do grupo de empresas impulsadas por BioIncubaTech, a incubadora de alta tecnoloxía promovida pola Universidade de Santiago de Compostela co financiamento da Fundación Incyde e da Xunta

Segundo informou o Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da citada Vicepresidencia, vén de apoiar a creación de Celtarys Research, unha empresa de base tecnolóxica que desenvolve e comercializa unha tecnoloxía innovadora que permite acelerar o descubrimento de fármacos. A nova firma, fundada en Galicia, está impulsada por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A tecnoloxía de Celtarys achega valor nas etapas máis temperás do proceso de descubrimento de fármacos, deseñando e producindo ferramentas químicas fluorescentes, moi sensibles e específicas, mediante unha metodoloxía eficiente e respectuosa co medio ambiente. Trátase dunha tecnoloxía que permite substituír o emprego da radioactividade, ademais de implementar novidosas estratexias de screening baseadas na fluorescencia. Deste xeito, as ferramentas fluorescentes de Celtarys axudan ás compañías farmacéuticas a ser máis competitivas, acelerando o descubrimento de  mellores fármacos.

O equipo promotor validou técnica e comercialmente esta tecnoloxía no marco do proxecto Fluorotools, apoiado polo programa Ignicia desenvolto pola Xunta en colaboración coa Fundación Barrié, no que estiveron traballando durante dous anos. Por outra banda, Celtarys Research forma parte das empresas impulsadas por BioIncubaTech, a incubadora de alta tecnoloxía para o fomento da innovación, que lles está proporcionando oportunidades de negocio, internacionalización e apoio de carácter técnico e legal.

 

Balance da convocatoria Ignicia Proba de Concepto

Desde 2016, ano no que se puxo en marcha o programa Ignicia en colaboración coa Fundación Barrié, ten permitido financiar un total de 16 proxectos, cun investimento global de 7 millóns de euros, e deu lugar á creación de oito novas spin-off, nove acordos de licenza e tres acordos de investimento por 2,75 millóns de euros.

Ademais, durante o seu desenvolvemento, os proxectos apoiados polo programa Ignicia implicaron a creación ou mantemento de 123 empregos de alta cualificación nas entidades beneficiarias. Este programa, que ten como obxectivo apoiar a chegada ao mercado dos resultados da investigación realizada nos centros de coñecemento galegos e potenciar a transferencia de coñecemento, ten precisamente aberto o prazo de solicitude da convocatoria de 2021 ata o 22 de marzo.

 

Sobre BioIncubaTech

A incubadora de alta tecnoloxía BioIncubaTech, promovida pola Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración con Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago, co financiamento da Fundación Incyde e da Xunta de Galicia, púxose en marcha no ano 2019. Desde entón constituíronse un total de 12 empresas.

Nestes intres está en marcha a segunda convocatoria do programa, da que forman parte un total de 21 proxectos. Deles, 12 pertencen ao sector da saúde e, entre outros, propoñen tratamentos innovadores para enfermidades como a cardiopatía, a dor crónica ou lesións na médula espiñal. Outras propostas poñen enriba da mesa solucións relacionadas coa
covid-19 ou dispositivos para diferenciar enfermidades bacterianas doutras de carácter vírico. Ademais, na segunda convocatoria de BioIncubaTech hai 9 proxectos relacionados coa agroalimentación, incluíndo neste caso solucións para dinamizar o sector, como melloras na xestión das explotacións gandeiras ou detectores de contaminación na industria alimentaria.