- A firma finalista, Celtarys Research, desenvolve tecnoloxía para acelerar o descubrimento de fármacos
- A institución inglesa, referencia mundial no sector da química, recoñece o traballo da empresa galega, creada co apoio da Axencia Galega de Innovación (Gain)
Celtarys Research, unha empresa galega que desenvolve tecnoloxía para acelerar o descubrimento de medicamentos, foi finalista do Concurso de Tecnoloxías Empresariais da Royal Society of Chemestry do Reino Unido, no que valoraron diferentes proxectos internacionais relacionados coa saúde, o medio ambiente e a alimentación.
A institución inglesa, con 175 anos de historia e unha das principais comunidades químicas do mundo, recoñece así o traballo de Celtarys Research, que deseña e produce ferramentas químicas fluorescentes, sensibles e específicas, empregando tecnoloxía respectuosa co medio ambiente que permite substituír o uso de radioactividade. Deste xeito, a ferramenta Fluorotools de Celtarys axuda ás empresas farmacéuticas a ser máis competitivas, acelerando o descubrimento de mellores medicamentos.
O éxito da presentación do seu proxecto situounos como unha empresa de referencia no sector, mellorando os contactos e colaboracións con entidades internacionais de Alemaña e incluso Xapón, segundo a propia entidade. .
Para a súa creación, a firma, promovida por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC), contou co apoio da Axencia Galega de Innovación (Gain), a Vicepresidencia Segunda e o Ministerio de Economía, Empresa e Innovación.
BioIncubaTech, a aposta pola saúde
Celtarys é unha das empresas promovidas por BioIncubaTech, a incubadora de alta tecnoloxía para o fomento da innovación, promovida pola USC en colaboración con Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago, e cofinanciada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e polo FEDER.
Proxectos no sector sanitario, como tratamentos para enfermidades cardíacas ou lesións medulares a solucións relacionadas co covid-19, son algunhas das propostas nas que están a traballar as empresas incubadoras, nas que tamén hai proxectos relacionados coa agroalimentación enfocados a proporcionar solucións para o sector, como melloras na xestión das explotacións ou detectores de contaminación na industria alimentaria.